A sociedade Cultural e Deportiva Raxó, tres décadas de actividade social en favor de Raxó

visita do representante de Portos de Galicia ao peirao de Raxó
Representantes das asociacios locais co representante de Portos de Galicia

Fundada en 1981, é, polo tanto, das entidades sociais actualmente operativas no Concello de Poio, unha das máis antigas.

Logo dunha primeira etapa meramente instrumental e dependente da Asociación de veciños, foi recuperada no ano 1994, mantendo dende entón unha dinámica propia e prolífica, tanto en actividades como en presenza social.

A súa traxectoria, non exenta de tensións co poder político (lembremos as súas públicas discrepancias contra determinadas actuacións urbanísticas, ou a campaña contra a modificación do topónimo “Rabo de Porco”), xerou desencontros coas administracións implicadas.

Non obstante, próxima a inaugurarse a Casa de Cultura, bautizada co nome de Centro Cultural Xaime Illa, acada con ela a SCD – Raxó unha das súas reivindicacións máis persistentes, logo de máis de tres lustros de xestións e presión social.

No ámbito cultural cabe destacar actividades tan importantes como o Concurso Literario Xaime Illa Couto, que neste ano acadou a súa XVIII edición; as Xornadas Estivais sobre Lingua e Cultura Galega; as actividades do Día das Letras e un sen fin de charlas e coloquios sobre os máis diversos temas.

En canto ao deporte, ostenta a SCD, por delegación do Concello, a xestión das instalacións polideportivas do Monte Baldío, onde todos os anos se celebran as clases de tenis e diversas competicións deportivas; sendo a consecución dun pavillón polideportivo en ditas instalacións, unha das súas reivindicacións máis inmediatas.

Campaña Rabo de Porco
Campaña en defensa da toponimia, Rabo de Porco

Cabe destacar, tamén, a súa directa implicación na consecución de proxectos e actuacións para a parroquia. Tal é o caso do recentemente acadado proxecto do paseo marítimo, logo dunha tenaz campaña, xunto co Goberno Municipal e outros colectivos sociais de Raxó e Samieira; sendo os seus próximos obxectivos neste eido, a reforma da PO 308, na perspectiva de acadar unha maior seguridade viaria nunha estrada moi perigosa , e a consecución da EDAR que garante a depuración das augas residuais das parroquias de Dorrón, Raxó e Samieira.

É que a Cultural, como se lle coñece localmente, logo de superar as veleidades elitistas dunha das súas anteriores fases, foi quen de antepor, sen complexos, a defensa da lingua e cultura propias, chegando mesmo a asumir os espazos que nos ámbitos social e político deixan outros axentes máis acomodaticios co poder.

,,

Comments

Deixa una resposta a A sociedade Cultural e Deportiva Raxó, tres décadas de actividade social en favor de Raxó Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.