María Castaña, por Avelaíña Teatro, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó

teatro no centro cultural Xaime Illa
“María Castaña” da agrupación “Avelaiña Teatro”

A Sociedade Cultural Deportiva Raxó, a Concellería de Cultura de Poio e o grupo Avelaíña Teatro presenta, o vindeiro venres 8 de xuño ás 9 da noite, no Centro Cultural Xaíme Illa de Raxó, a súa opera prima María Castaña, muller, galega e insubmisa e o seu desencontro con D. Pedro López de Aguiar, bispo de Lugo, nos tempos nos que sopraban os ventos das revoltas irmandiñas.
“Nos tempos de María Castaña, cando os paxaros falaban…”
Existiu realmente María Castaña ou é un persoeiro de fabulación? Falamos dunha figura á que os señores da Historia lle negaron o relato, o tempo e a patria. E desterrárona ao espazo borroso dos contos para durmir. O po do esquecemento fóiselle pousando enriba. So quedou unha sombra extraviada no fondo das espenucas,na fusquenlla das fraguizas e nos reconcos dos rochedos, desde onde a súa voz resoa. Na brisa do abrente chega o eco, non con música de nana, senón como un son de alborada. Ese borboriño coxegueiro busca unha imaxe e un lugar no capítulo dos referentes, entre os vagalumes dos camiños.
María Castaña foi muller, galega, insumisa…Motivos de abondo para sepultala na sima do inconsciente onírico. Motivos de abondo para reivindicala como unha fiestra de luz.
Aquí presentamos unha hipótese verosímil do desencontro de María Castaña con don Pedro López de Aguiar, bispo de Lugo:
Na alta Idade Media a cidade de Lugo está en decadencia. O bispo proponse recuperala mediante a reconstrución da catedral, conforme ao espíritu anovador da época. A presión recadatoria que iso implica e a situación de crise económica, política e ideolóxica son factores que propician a rebeldía de María Castaña, vasala do bispo e matriarca da tribo dos guímaros. O recadador e os escoltas, mutilados, morren…María é sometida a un ordalio. Sae inocente. Derrogánse os foros. Nacen os impostos.

 

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.