A toponimia como patrimonio cultural

Rabo de Porco é o nome histórico dun foro do mosteiro de Armenteira

A toponimia é a memoria da relación do pobo co medio ao longo dos séculos.

Tanto por antigüidade, variedade e número, o noso País goza dunha grande riqueza toponímica, cifrada en mais de dous millóns de topónimos, debidos, fundamentalmente, a tres factores: a orografía, a dispersión poboacional e a división da propiedade.

Porén, a progresiva transformación dos modos de ocupación do territorio está a por en serio perigo a supervivencia de moitos topónimos tradicionais, situación que se ve agravada polos xuízos de valor ou prexuízos relativos á lingua galega.

Un caso recente e vixente de todo elo é o acontecido no Concello de Poio a respecto do topónimo Rabo do Porco, onde a Corporación Municipal, nun alarde de sensibilidade social, a piques está de perpetrar un atentado contra o noso patrimonio inmaterial, herdado de xeración en xeración a través dos séculos e que, da súa importancia cronolóxica e histórica, pode darnos idea as proporcións dos estratos toponímicos que, segundo Elixio Rivas (1982), son: Prerromano, 21,3%; Latino, 67,1%; Xermánico, 7,8%; Árabe, 2,1%;Outros, 2%

É na Alta Idade Media (anos 800-1000) cando comezan a aparecer as entidades, vilas, herdades, coutos, señoríos, as abadías monacais, etc.

Pertencente á abadía Cisterciense de Armenteira eran as herdades de Canelas e Rabo de Porco, doazón de Afonso VII, en 1155, a don Ero, primeiro abade do Cenobio.

Frei Damián Yañez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira, no seu traballo titulado El Monasterio de Armenteira y sus Abades (Museo de Pontevedra, 1980, pax. 209) achéganos unha referencia a herdade de Rabo do Porco.

Que a primeira proba documental que atopemos do topónimo sexa durante o mandato de Frei Bernabé Cano, quen exerceu a abadía no trienio 1683-1686, en que o Mosteiro de Armenteira lle afora a Domingo Rodríguez, de Rexó, para si e por tres vidas de reis ou raíñas, a herdade chamada do Rabo do Porco, por un ferrado de centeo, posto a súa costa na Granxa de Rexó, non quer dicir que este non sexa máis antigo, toda vez que a exclaustración dispersou os papeis do Mosteiro de Armenteira, indo parar a mans de particulares de Cambados, na súa meirande parte. Tal é o caso dun Manuscrito do P Frei Basilio Duarte (S.XVII) posteriormente doado polo avogado cambadés Xosé Fraga ao Seminario de Estudos Galegos, transcrito por Bouza Brei na revista Compostellanum, 1961, e de onde entresacamos o dato.

Campaña Rabo de Porco
Campaña en defensa da toponimia da SCD Raxó

Rabo do Porco no é máis que un dos moitos zootopónimos que abondan en todo o mundo -o caso de Oxford, citado por Gonzalo Navaza, é só unha pequena mostra- e en Galiza hai centos de características similares, como Ponte do Porco, interpretado por Filgueira Valverde como alusivo ao xabarín; e Fonte do Porco, recollido por Moralejo Laso, sen especificar si se trata do animal montés ou doméstico.

Aínda que nalgúns casos a linguaxe toponímica pode ser metafórica sen máis, podendo proceder de simples parecidos entre o terreo e algunhas formas do animal, como seguramente corresponde ao caso que nos ocupa, sendo as súas connotacións negativas derivadas unicamente das visións deformadas dos propios veciños e non do topónimo, tendo relación con prexuízos relativos á lingua, tal e como moi ben di, tamén, Gonzalo Navaza.

Outras autoridades na materia, como o Presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, Juan José Moralejo ou a asociación Vaipolorío, que ten realizado unha loábel laboura de recuperación dos topónimos do curso do Rio dos Gafos, tamén se pronuncian favorábeis a manter o topónimo.

De todos os xeitos, que nun Concello como o de Poio, rexido por un alcalde nacionalista, que por mor dun inexplicábel deslíz, por moi unánime que este sexa, da súa Comisión de Facenda –gostaríame que alguén me aclarara que autoridade ten co asunto dita Comisión- teñamos que estar a debater unha cuestión tan obvia como esta, non deixa en bo lugar, precisamente, aos seus compoñentes; sobre todo ante quen sabemos o pouco receptivos que adoitan ser ante propostas máis importantes e positivas, como a de retirar do nomenclator oficial os nomes de destacados persoeiros do franquismo que, a día de hoxe, aínda teñen rúas e honra no noso concello

Xaquín Agulla Gómez

,

Comments

  • Eu Rabo do porco, así lo apopyamos la gran mayoría de personas de este lugar y no entiendo como se organizó una polémica como esa.
    Todo lo de arriba está muy bien documentado por Saquin Agulla pero yo añadiría, que el uso del pueblo, contado por los abuelos del lugar, siempre debería prevalecer.
    Yo sentí una gran pena, cuando enla Rua de Clemente Echeverría, cambiaron elnombre de Terra da Pedra, por Travesía da praia y en esa ocasión, no hubo nadie que luchase por ese bonito nombre, en esa rua viví 10 años, y para mi seguirá llamándose así.

    Pilar

    Espero que por escribir en castellano no desprecieis mis escritos, ers mi lengua materna aunque haya decidido venir a vivir a este sitio por el resto de mis días, ¡¡Cariño que le tengo!!

    • A toponimia é unha parte importante da nosa historia e todos sabemos que a historia facémola todos e tódolos días cos usos e costumes, como ben dis, do pobo. Ainda que son de Raxó o caso de Terra da Pedra non o coñecía. Agradécense os comentarios en galego ou en castelán Pilar 🙂
      Saúdos

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *