Chamamento de Novoneyra ós galegos

uxio novoneyra

A Academia Galega adicou este ano o Día das letras galegas a honrar a memoria e a obra do poeta do Courel, Uxio Novoneyra.

A Sociedade Cultural Deportiva Raxó quere, tamén, facer a súa modesta contribución facendo público un poema inédito de Novoneyra do ano 1957, xentileza de Luis Rosales, pintor afincado na nosa localidade.

CHAMAMAENTO DE NOVONEYRA ÓS GALEGOS

I

DORMIDOS peitos da Libertá!
Meus irmaos galegos!
Ben sabe Deus que non vos falo por coller sona.

Tirado dunha forza xorda
veño chamarvos de novo a loita sagra
pola nosa Patria homilde, onde todo nos conoce.

Iremos de sangue e dor!
Temos que ganar a Nosa Galicia
pra ser o nome que levamos
e darlle á Humanidá que soio nos ten pola dor
a nosa dádiva eterna.

Temos que ganala porque é nosa,
porque o quer o noso corazón
que o sinte necesario
pra salvarnos nos e nosos pais
pra salvar ós que sofriron e morreron por ela,
pra salvar ós nosos abós
ios pais dos pais de nosos abós
e tódalas cousas que iles quixeron e que nós queremos.

POUSA o tempo no sono
ca sombra dos anos sin libertá
ieu non vos chamo en alto como antes se facía.
Mais ben llanamente,
como falamos entre nos tódolos días que perdemos
cando a todos intres unha causa xusta nos agarda
acenándonos en todo,
alumando naquelo que inda non perdemos,
porque é cousa que non se pode perder
nin podían quitarnos
os que tein a fala ia man dura.

Chámanos iste día que chove…
Chámanos cada verba galega dita por nos,
cada sorrisa, cada xeito, cada ollada nosa,
cada val e cada teso
desde onde se ollan terras que soio con velas
un sinte que tamen son nosas.

Escoitade ós que saben ler esta chamada
e seguide os nobres peitos que se erguen:
que se todos somos fieles ó que somos
o tempo terá o noso sentido.

CHOVE onde un sinte
no día longo sin mañá nin tarde que eu vos chamo…

O Courel 1957

,,,,

Comments

  • Parabéns para a Sociedade Cultural e Deportiva Raxó pola publicación deste valioso inédito e a Luis G. Rosales por telo conservado tanto tempo.

  • Es una satisfacción ver plasmado este Poem de Uxio entregado por Novoneya en mano a mi marido Luis G-Rosales, en unas jornadas poéticas que se organizaban en una cafetería de Lugo, a la que yo asistía en calidad de oyente ante mi desconocimiento del gallego.

    Un abrazo

    Pilar

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *