Conferencia do Día das Letras Galegas 2011

Xesús Manuel Valcárcel

As novas vangardas: SENTIMENTAL_ISMO

Poio, Centro Xaime Isla Couto

17 de maio de 2011

(RESUMO DA CONFERENCIA)

O sentimental_ISMO rematou a súa etapa de Fundación e comeza as de Implantación e Expansión, que están xa en marcha. Sete personalidades da literatura galega, con obra anterior publicada e distinguidas con importantes recoñecementos e galardóns, subscriben os principios constitucionais do movemento e compoñen un grupo selecto, podería dicirse un grupo de elite, que se sitúa á cabeza da revolución artística que o sentimental_ISMO propugna.

As obras fundacionais son Monte do cerveiro, da miña autoría; Elementos de arquitectura sentimentalista, de Manuel Celso Matalobos; A cor das uces, de Xesús Alfonso Parada; O cabaleiro da rosa, de Rafael Pintos Méndez; Dor da claridade, de Carlos Arias; Desequilibras e caer, de Cristina Ferreiro Real e Paquidermo, de Mariña Pérez Rei. As características comúns das obras fundancionais, arredor do rebelde stil novo, mostran preferencia pola épica, polo libro orgánico e complexo. Non son en ningún caso textos propiamente líricos, porque todos son libros vertebrados, orgánicos, que responden a un proxecto unitario. Son libros de poesía escritos co alento de novelas en verso, obras cun trasfondo épico, visións globais como nunca antes se fixeron en ningún movemento literario (non a lírica habitual, mínima e minimalista dos poemiñas). Son obras con aspiración de plenitude, de contar historias enteiras, que evocan as cosmovisións dos grandes poetas clásicos (Homero, Virxilio, Dante, Juan de la Cruz, Witman, Ezra Pound, Curros ou Novoneyra).

A etapa de Fundación comezou coa publicación de Animal sentimental, Dialéctica sentimental e Práctica sentimental (os tres libros iniciais, que constitúen o Primeiro manifesto) e de Manifesto sentimentalista (o Segundo manifesto), polo que Rebelde Stil Novo supón, xa que logo, ante o Terceiro manifesto sentimentalista.

A teoría ten dúas orientacións: unha estética, de inspiración conceptista, dirixida á literatura e ao conxunto das artes e, outra, de carácter máis amplo e complexo, dirixida á realización vital das persoas e á súa liberación. Somos un movemento artístico e literario, unha proposta que parte do esgotamento da tradición racionalista occidental e ofrece novas alternativas: centrámonos na importancia dos sentimentos e no seu valor para interpretar o mundo e xestionar a vida.

O Proxecto significa unha renovación total das artes e das letras. Menten os nosos detractores cando afirman que a iniciativa só é parcialmente nova ou que é difusa, porque se trata dunha proposta concreta, moi concreta, para unha nova estética, e para unha nova ética. Asumimos que a vangarda, entendida como necesidade de innovación e procura de orixinalidade, é unha condición universal e eterna da arte, por iso o sentimental_ISMO é unha revolución permanente. Somos un movemento rebelde, en contra do materialismo consumista, e carente de espiritualidade, que é o opio do pobo.

Creamos o movemento para defender os nosos principios (éticos e estéticos) e as nosas producións, para que aos bens culturais non se lle apliquen criterios exclusivos de mercado, con cuantificacións propias dos sectores industriais, que degradan e terxiversan a súa natureza e finalidades. Os nosos autores e autoras de referencia orientan e inspiran con claridade o ideario que defendemos: poñemos por diante a independencia creativa do artista, rexeitamos o diñeiro como único valor (porque, para a persoa, significa pobreza de espírito), rexeitamos a moral colectiva (porque é imposta polo poder), rexeitamos a superstición científica (porque é unha fantasía da soberbia humana) e, simetricamente, defendemos o relativismo como método de análise da realidade, a democracia consciente, a participación directa na toma de decisións, a autodisciplina e, enfín, a enerxía limpa do sentimental_ISMO como modelo de comprensión da realidade e de liberación do individuo.

Combatemos a arte alienante, ao servizo das verdades oficiais; a arte mercenaria, sometida a instancias políticas que, so pretexto de salvacións ideolóxicas, acepta que lle impoñan a mensaxe, a difusión e os receptores; a arte devaluada, autolimitada para compracer (e vender: en realidade, en mercados aparentes, porque están inducidos desde ágoras e palestras teledirixidas a través de activistas cómplices e de caciques culturais aleccionados).

Non nos domina ninguén. Ningún home, ningunha muller, ningún partido, ningún antigo, ningunha falacia bondadosamente cínica. Chamamos aos artistas libres que non agachan a cabeza ante os poderosos e que poñen por diante a soberanía do creador, pero tamén a homes e mulleres que, sen teren inclinacións artísticas, aman a arte e queren gozar dela, e aman a literatura e queren gozar -pola contribución que lles presta como persoas- dos seus froitos.

Reivindicamos a arte por excelencia, que é expresión do enxeño e da complexidade humanas; defendemos a literatura baseada na autoesixencia de autores e autoras, que coñece e valora o patrimonio clásico, a libre circulación de ideas, a heterodoxia fronte ao pensamento dominante e que, xustificada en si mesma, non mira os indicadores de mercado como único criterio cualitativo.

O sentimental_ISMO é vangarda. Promovemos unha teoría filosófica coherente e transparente, que defende o individuo e a súa forza e capacidade creadoras. Asumimos que a vangarda, entendida como necesidade de innovación e procura de orixinalidade, é unha condición universal e eterna da arte. Non nos sobra ninguén. A nosa é unha revolución permanente porque a esencia da arte nin cambiou nin vai cambiar: responde a unha necesidade da persoa e da humanidade, e pódese constatar que está presente en todas as culturas e en todas as épocas.

O sentimental_ISMO é un movemento rebelde, a prol da autoesixencia e do traballo creador, en contra do materialismo consumista, e carente de espiritualidade, que é o opio do pobo, inoculado -para controlar a poboación- desde as diferentes instancias do poder.

O SENTIMENTALISMO é unha filosofía completa, unha nova maneira de ver o mundo e de vivir.

SOMOS UNHA NOVA CULTURA!

,,,,

Comments

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.