Conferencia do XVIII Certame Xaime Isla Couto 2010

xaime isla 2010 conferencia de Ana outón BarralUnha vez máis, coincidindo co día das Letras Galegas adicado a Uxio Novoneyra,  para a entrega dos premios do XVIII Certame Literario Xaime Isla, puidemos contar coa presenza da profesora Ana Outón, licenciada pola Universidade de Vigo en Filoloxía Galega e coautora do libriño 55 mentiras sobre a lingua galega , e que nos deleitou con unha conferencia que seguidamente reproducimos:

LINGUA E LITERATURA

Moitas grazas a todos os que facedes que ano tras ano se continúe celebrando este certame en nome de don Xaime Isla Couto. Quizais pareza unha cousa pequena, quizais de aquí non saian grandísimos escritores (ou si), pero o que si vos podo asegurar é que este pequeno concurso pode facer que a vida dunha persoa cambie: e eu estou aquí para demostralo. Grazas a el eu aprendín a apreciar e a valorar a miña lingua, a sentirme orgullosa dela dun xeito que nunca crin que sería posible. Grazas ó certame e grazas ó profesor que me convenceu para que me presentase hai xa máis de dez anos, Pablo Viqueira, e grazas tamén a Ali, pola ilusión e o ánimo que me transmitiu sempre. Así pois, que dure moitos anos máis.

Ben, eu véñovos falar hoxe de lingua e literatura, pero non quero ir ós seus significados máis elevados, máis cultos. Non veño falar da lingua formal, coidada e normativa (aínda que direi algo despois que creo necesario aclarar); nin veño falar da que se considera literatura culta ou importante. Hoxe veño en busca do máis básico, da esencia. Que me perdoe Uxío Novoneira, grandísimo poeta do Courel, a quen este ano se lle dedican as Letras, pero non veño falar del. Que me perdoen Rosalía, Pondal e Curros, pero non veño falar deles. Que me perdoen Castelao, Cabanillas, María Mariño e outros moitos a quen tanto lles debe Galicia enteira, pero hoxe non veño falar deles. E non veño falar deles porque hoxe os protagonistas somos NÓS. Eles e elas xa fixeron o seu traballo, o seu labor xa fica para sempre imborrable na nosa cultura, no noso pobo. Agora é a nosa quenda, agora tócanos falar a nós e para iso vou intentar explicarvos de que lingua veño falar eu, de que literatura veño falar eu.

A LITERATURA, QUE É A LITERATURA?

Xaime Isla 2010 conferencia de entrega de premios
Entrega dos premios Xaime Isla

Cando pensamos nesta palabra, deseguido nos vén á cabeza unha biblioteca, unha librería ou cando menos, libros; libros cheos de narracións e poemas, sobre todo, non? (Aínda que hoxe con isto da internet está cambiando un pouco a cousa). Ben, efectivamente nestes lugares mantense gardada un parte moi importante e destacable da nosa literatura; pero non toda nin moito menos. Entón, fóra destes lugares, onde atopamos literatura? Pois non a podemos coller coas mans, como facemos cos libros, nin a podemos ver escrita, como vemos as letras impresas nas follas; pero podemos oíla.

A literatura é unha arte que creamos os homes e as mulleres xogando coa nosa lingua para darlle unha forma especialmente fermosa que serve, sobre todo, para deleitarnos de distintas maneiras. Igual que o escultor traballa, por exemplo, con pau, para darlle unha forma determinada que lle guste e vai eliminando as impurezas ou simplemente as partes que non lle serven; os poetas, cantantes e contadores, entre outros, collen a lingua e danlle a forma que consideran adecuada para que resulte fermosa.

Ás veces unhas historias, unhas cancións gustan máis ca outras, pero iso tamén varía coas épocas, coma todo. A pesar disto, algunhas persoas teñen un don, digamos, unha facilidade especial para crear historias e contalas; outros non teñen tanto xeito. Con todo, todos nós temos capacidade para crear literatura e, de feito, facémolo no noso día a día. Rara é a persoa que nunca inventou unha historia, ben por divertimento, ben por necesidade. E esta é a forma máis básica e esencial da literatura: a historia, o conto oral, que se transmite de boca en boca e de pais a fillos sen necesidade de pasar pola escrita.

É probable que algúns de vós esteades agora pensando: e eu cando inventei unha historia? Pois imos ver se vos axudo a lembrar…

-Acórdaste daquela vez que chegaches tarde á casa, abriches a porta e, antes de que a túa nai ou teu pai comezasen a berrar, dixeches: “é que…”? Pois aquí comezou, de seguro, unha historia fantástica e ben adornada de todo tipo de detalles.

-Lémbraste daquela outra vez que sen querer lle rompiches un xoguete a teu irmán ou a un amigo e cando che preguntou por el, dixeches: “a última vez que o vin…”? Pois aquí comezou outra historia.

-Sabes daquela vez que colliches un choco que practicamente flotaba, aquí no peirao de Combarro, e lle contaches ós teus amigos a tremenda fazaña que fixeches para conseguir o enorme bicho? Pois creo que aí inventaches outro conto.

E os demais tamén nos contaron cousiñas…

-Acórdaste daquel día en que túa nai te convenceu de que non podías ir só por aí adiante? De seguro que che contou unha boa historia.

-Sabes daquela noite en que non podías durmir e houbo quen veu contarche unha fermosa historia? Pois aquí tes outro caso.

-E se cadra, desta non te lembrarás, pero cando eras un meniño, unha meniña, e a túa nai te arrolaba no colo, cantábache, con seguridade, cancións para facerte adormecer. Unhas aprendidas nesta transmisión do boca a boca e outras simplemente inventadas.

Pois todo isto forma parte da nosa literatura popular e é tan importante, senón máis, cá outra impresa en libros e feita por escritores. As nosas lendas da Santa Compaña, do lobishome, das mouras…, os nosos contos de galos con raposos, de corvos, de cans, de vellos e vellas…, que conforman as historias comúns, xunto con aqueloutras que nós inventamos no noso día a día, ás veces simplemente para esmoreceren ó chegar a noite, todo isto forma en conxunto a literatura básica, a literatura esencial, a primeira, a LITERATURA dunha lingua e dun pobo.

Eu quixera que saísedes hoxe de aquí coa idea de que temos unha riqueza literaria inmensa e que este é un motivo xa suficiente para sentirnos ben orgullosos de nós mesmos e de quen somos. Pero aínda hai máis, temos máis motivos para nos sentir moi orgullosos, e é que temos unha lingua propia, unha lingua nosa: o galego.

E de lingua vou falar agora, un pouco máis polo miúdo, xa que a situación actual que vivimos así o require.

A LINGUA, QUE É A LINGUA?

Pois a lingua podemos definila como un conxunto de sons que producimos os seres humanos, organizados atendendo a unhas regras (a gramática), que nos permite comunicarnos con outras persoas que coñezan esa mesma lingua, é dicir, falar entre nós.

Ben, e ata aquí unha definición sinxela que poderiamos considerar máis ou menos científica, non?; pero unha lingua non é só iso, é moito máis. Unha lingua mantén a unidade dun pobo e faino distinto fronte ós outros. Unha lingua é un sinal inequívoco de identidade: os galegos somos galegos sobre todo porque falamos galego; por suposto, tamén porque nacemos en Galicia e compartimos un territorio físico, uns costumes, unhas crenzas, unha maneira particular e propia de ver o mundo, de vivir; pero non debemos esquecer que todo isto transmitímolo a través do noso idioma.

Describimos as nosas toxeiras, carballeiras, fragas e soutos; aconsellamos os nosos fillos que non conten os porcos na barriga da porca ou que non boten o carro diante dos bois; preocupámonos de que os meniños non collan os aires dos mortos; avisámolos para que non se deixen atrapar polo home do saco; advertímolos ó saír da casa: “e non levas un paraugas?, mira que vai chover…”.

Todo o transmitimos a través da nosa lingua e se o facemos con outra, algo se nos perde polo camiño. As nosas palabras, os nosos acentos e sons van cargados dos nosos sentimentos. Eu nunca poderei falar da miña NAI nin de meu PAI usando outras palabras que non sexan estas: NAI e PAI. Terá a tradución para milleiros de idiomas, referiranse todos eles á mesma persoa, entenderán todos de quen falo; pero o sentimento, ese, nunca será o mesmo.

Por isto todo a lingua é símbolo de identidade, porque nos identifica e nos distingue ante os demais.

Agora, unha vez máis, pola situación política que nos arrodea, vólvese debater sobre o clásico tema de “quen é máis galego: o que fala galego ou o que naceu e vive en Galicia?”. A min gustaríame contestar coa lóxica máis simple aquilo de “máis galego é o que naceu en Galicia, vive en Galicia e, por suposto, fala galego”; agora ben, se me fan escoller, non tería nin a máis mínima dúbida: máis galego é o que fala galego.

E pensade por exemplo naquelas persoas que por diferentes motivos emigraron a Alemaña, Suíza e a moitos outros sitios; non é raro atopar quen nos conte que coñeceu alá tres ou catro galegos, que se reunían de cando en vez e que cando estaban xuntos e falaban en galego se sentían coma na propia casa: o idioma uníaos, facíalles reforzar a súa identidade e non esquecer quen eran.

Outro forma de aclarar que é o que máis nos identifica coma galegos é vendo, por exemplo, o que fan os demais para imitarnos. Cando vemos os humoristas na tele que intentan imitar un galego, que fan? Poida que se vistan cun traxe tradicional, ou con roupa da aldea; pero só con iso poderíasenos confundir con case calquera outra persoa simplemente do norte de España. Entón, que usan para que non haxa dúbidas de a quen están imitando?, pois copiar o acento galego, intentar falar como nós falamos. Por isto digo que non hai dúbida de que o que máis nos identifica como galegos é a nosa propia lingua.

Unha vez aclarado isto, gustaríame agora ir a outro punto polémico tamén debatido xa de vello. Está claro, pois, a importancia da transmisión do galego ós nosos fillos; pero que galego? E con isto quero entrar de cheo nos seguintes conceptos: o galego normativo, o galego dialectal, o castrapo e o galego aportuguesado a distintos niveis.

Ben, o galego e o portugués son a día de hoxe dúas linguas distintas, coas súas gramáticas e normas prescritivas diferenciadas. No seu día fomos un mesmo pobo e falabamos unha mesma lingua común, pero por varios motivos, sobre todo políticos, separámonos e con nós, os nosos idiomas; e disto hai xa máis de cincocentos anos. Con todo, aínda temos un mesmo fondo que nos permite, cun pequeno esforzo, entendernos aínda que non sexa ó cen por cen.

Canto ó galego normativo, quixera deixar ben claro que é unha variedade lingüística creada por uns especialistas, neste caso, filólogos e lingüistas do ILG e da RAG. E insisto no de ‘creada’, porque é así; pero non inventada. Da mesma maneira que un cociñeiro colle fariña, ovos e azucre para crear un bolo; os nosos especialistas escollen entre os elementos que xa teñen, que xa existen, cales usar e cales non para crear unha norma. Agora, cal é a función desta variedade?

Pois por unha banda, sérvenos para usar en contextos moi formais e cultos, como pode ser dar un mitin ou unha conferencia como agora estou facendo eu (a xente que me coñece sabe que eu non falo así no meu día a día, como é normal); pola outra banda, e esta é a máis importante, sérvenos para escribir. Necesitamos unhas normas para poder escribir e para poder ensinarlles ós nosos nenos e nenas a escribir, senón a escrita sería caótica e variaría moi rápido, de xeito que nos sería imposible ensinarlle galego a alguén que non o soubese.

Unha cousa que non debemos perder de vista é que a variedade normativa non é algo que lle afecte só ó galego. Óese moito aquilo de que “estes do galego inventan cousas e despois andan a cambialas…” ou aquilo outro de “toda a vida foi así e agora xa non vale…” Ben, a variedade normativa tamén a ten o castelán, como tamén a teñen moitas outras linguas, e tamén foi creada por lingüistas e filólogos, neste caso da RAE, e tamén foi (e incluso é) constantemente revisada e tamén lle cambiaron cousas. Que acontece, entón? Por que se fala tanto das normas do galego e non das do castelán? Pois basicamente porque as primeiras normas do noso idioma datan de 1982, isto é, hai 28 anos; mentres que as primeiras normas do castelán datan de 1727, isto é, hai 283 anos. A variedade estándar do castelán, creada en 1727, sufriu importantes cambios ata que se asentou máis firme en 1854. Pasaron, pois, 127 anos desde que a RAE publicou as súas primeiras normas ortográficas ata que se asentaron solidamente (e mesmo así, aínda hai pequenos cambios).

Daquela o que pasaba é que non había educación xeneralizada nin tele e a xente do común non sabía o que se cocía. Hoxe, deciden os nosos especialistas que é mellor escribir dicionario cun c, no canto de diccionario con dous cc, e á media hora xa sae no telexornal, xa o sabe todo o mundo e xa todos son expertos e xa todos poden opinar. Non podemos pretender que a nosa RAG faga en 28 anos o que fixo a RAE en 127, deixémoslle un pouco de marxe para traballar, que as cousas ben feitas levan o seu tempo.

Vaiamos agora ó galego dialectal.

Ben, que é isto? Algúns de vós non saberedes que significa iso de ‘dialectal’ (aínda que se cadra oístes o termo algunha que outra vez), pero en canto vos explique a que me refiro, ídelo entender perfectamente.

Todos sabemos a grandes trazos, aínda que non coñezamos as características concretas nin as delimitacións exactas destas, que a xente da costa non falamos igual cós do interior; que os das Rías Baixas non falamos igual cós das Rías Altas; que os de Poio non falamos igual cós de Cambados; e mesmo que os de Vilariño non falamos igual cós de Campelo. Pois a cada unha desas formas distintas de falar, a cada unha desas variedades xeográficas (porque se dividen por lugares) chámaselle dialecto. Ningún destes dialectos é mellor có outro e ningún é peor; aínda que se di habitualmente aquilo de “o galego de tal zona, ese si que é o auténtico e non o que falamos nós”. Curiosamente a xente da costa adoita dicir que o galego bo é o do interior, pero resulta que a xente do interior adoita dicir que o galego bo é o que se fala na costa. Ben, isto é simplemente a condición galega: o noso nunca é o bo. A realidade é que o bo galego é un todo en conxunto. O galego inclúe todos estes dialectos. Isto é coma a Santa Trindade, é dicir, Deus é un ser único que existe simultaneamente como tres ‘persoas’ distintas: Pai, Fillo e Espírito Santo. Do mesmo xeito, o galego é unha lingua única que existe en forma de múltiples dialectos, de múltiples variedades. E entre estas variedades todas, hai unha que é a creada, da que falamos antes, a variedade estándar ou normativa. Como tal variedade, forma parte tamén dese todo total que é o galego; pero que quede moi claro que o galego non é só o normativo: galego son todas estas variedades en conxunto.

Pasemos agora ó castrapo.

Todos os presentes sabedes de sobra que é ou a que lle chamamos castrapo. Vulgarmente dicimos que alguén fala castrapo cando mestura galego e castelán ou, aínda máis en concreto, cando alguén fala un galego tan malo, que nin merece ser chamado galego (por iso lle chamamos castrapo) porque está cheo de castelanismos.

Os nosos dicionarios recollen que o castrapo é unha variante do castelán falado en Galicia cheo de palabras e expresións en galego.

Fixádevos como cambia a cousa do que pensa agora a xente ó que vén nos dicionarios. É xusto ó revés, non? E isto a que se debe?

Os dicionarios recollen unha palabra co seu significado cando esta xa leva un tempo asentada na lingua. Logo pode pasar que, por distintos motivos, a palabra en cuestión adquira outros significados ou matices varios que os dicionarios non recollerán ata que pase un tempo. E isto é xusto o que está pasando agora; pero vaiamos máis ó fondo e vexamos cal foi o motivo polo que houbo este cambio.

Como dixen antes, a variedade normativa do galego creouse en 1982 e ó pouco naceron a radio e a televisión de Galicia e a nosa lingua pasou a ser tamén materia de estudo nas escolas. E isto que ten que ver? Pois moito. En primeiro lugar, porque a radio e a tele foron chegando progresivamente a tódalas casas e as persoas oían un galego distinto ó seu, a variedade estándar que usaban os locutores, presentadores e demais. Unha vez máis, a xente deu en pensar que o seu non era o bo e o que oían nestes medios de comunicación, si. Esta idea viuse reforzada, nun segundo lugar, polos fillos e fillas que chegaban á casa das escolas e lles dicían ós pais: “non é rodilla que é xeonllo”, “non é tenedor que é garfo”, “non é ghato que é gato ”, “que non era sapato que é zapato” e un longo etcétera de cousas. O pobo pasou a pensar que a variedade normativa do galego era o galego e o que eles falaban, pois non o era, era outra cousa, era, e aquí entra o novo significado da palabriña, CASTRAPO.

Pois hoxe eu quero romper xa con ese significado de castrapo para que non continúe, hoxe quero facervos entender que aínda que faledes usando moitas palabras en castelán, o que vós falades é galego. Unha lingua non é só palabras, hai moitas cousas detrás agochadas que non se ven só cunha ollada. Unha lingua é estrutura, é forma, é fondo. Nós ordenamos as palabras nas oracións de distinto xeito có castelán, nós pronunciamos as letras de diferente modo cós casteláns, nós entoamos as nosas expresións doutra maneira, as nosas interrogacións teñen outro ritmo…, nós falamos galego.

Con isto non quero dicir que tanto ten falarmos con castelanismos por tódolos lados que non dicir ningún, non. O que quero que entendades é que é preferible falar en galego, aínda que con castelanismos, que abandonalo por completo e deixalo morrer en nós.

Deberiamos ser un pouco máis transixentes coa nosa lingua e con nós mesmos. Deberiamos permitirnos ter erros: mentres non esteamos dando unha conferencia…, non pasa nada. En castelán tamén temos moitos erros e non nos machucamos por iso. O castelán ten tanto prestixio que lle permitimos ter defectos; o galego ten tan pouco valor que para usalo esixímoslle ser perfecto.

Se nalgún momento, falando, dicimos silla e alguén nos corrixe con cadeira; en vez de agradecerllo e aprender a, para nós, nova palabra, enfadámonos co galego e dicimos que é unha porcallada, que nós nunca dixemos nin escoitamos esa palabra, que a inventaron os lingüistas e non sei cantas cousas máis.

Non nos enfademos co galego: se alguén nos rouba algo e outra persoa nolo devolve, aínda que pasados moitos anos, ¿ten sentido acaso que nos encabuxemos coa persoa que nolo devolve en vez de con quen nolo quitou? Pois isto é o mesmo, se os especialistas nos están a devolver as nosas palabras, non llo paguemos enrabiándonos con eles nin, moito menos aínda, renegando da lingua propia.

A min non me gusta ser agoireira nin catastrofista, pero por primeira vez na historia, xa temos nenos e nenas que non entenden cando se lles fala en galego. Xa non é que non saiban falalo nin que lles dea vergonza, é que non o entenden. E eses si que xa non poderán transmitirlle o idioma ós seus fillos, eses si que xa non poderán legarlle a nosa identidade.

Eu hoxe quixera dicir e berrar: fóra esquerdas, fóra dereitas e fóra centros políticos, basta xa de dividirnos por cuestións ideolóxicas: a lingua é de todos nós e non lle pertence a ninguén en exclusiva. A política non nos define nin nos une como pobo fronte a outros pobos: a lingua, si. Falémoslles ós nosos pequenos en galego, deixémoslle algo que non é material, algo que non lle poderán roubar, algo que levarán sempre consigo, algo que fará que se lembren de nós cada día, e cando xa esteamos mortos.


,,,

Comments

  • Ola K,
    os relatos conforme as bases do certame pertencen ao concello de Poio, solicitaremos permiso e tentaremos colgalas nesta mesma web.
    Saúdos

  • Conferencia do XIII Certame Xaime Isla Couto 2010…

    Unha vez máis, coincidindo co día das Letras Galegas adicado a Uxio Novoneyra, para a entrega dos premios do XIII Certame Literario Xaime Isla, puidemos contar coa presenza da profesora Ana Outón, licenciada pola Universidade de Vigo en Filoloxía Galeg…

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *