Exposición Fotográfica “Urbe” de Xabier Carrasco

Exposición fotográfica de Xabier Carrasco no C.C. Xaime Illa

Exposición Fotográfica

O vindeiro venres día 3 de agosto as 20,30 horas terá lugar no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó a inauguración da exposición do fotógrafo ártabro Xabier Carrasco, recoñecido especialista en fotografía química que nos fala así da súa obra:

URBE

Triloxía que fala da cidade como continente de persoas individuais que se enfrontan a esta. Outórgaselle a esta interacción, unha interpretación individual que se configura a partir das vivencias cotiás que cada un experimenta. Descártase con esta visión, unha masa globalizada e carente de personalidade, onde a xeralización dunha persoa sen significación neste contexto, dilúese perdendo interese para o noso traballo.

Amosase esta visión dende tres elementos de expresión, que envolven o seu día a día, e que se afanan en buscar formas sustentábeis de convivencia en espazos urbanos. Espazos onde interaccionan a existencia persoal de cada individuo coa súa propia esencia e a súa proxección como cidadán en relación cos demais que tamén habitan o mesmo espazo. Elementos que son: a vivenda a través da súa xanela (ou o que o individuo ensina á cidade); o transporte utilizando a bicicleta como vehículo (ou como o individuo decide desprazarse na cidade) e os espazos públicos utilizados (ou como o cidadán se atopa dentro dos espazos que non deixan de medrar nunha cidade).

A xanela, ese ollal na fachada:

Fotografías nas que a xanela aparece como elemento diferenciador dentro das fachadas da cidade. Xeitos de expresión nos que o individuo dá a coñecer o seu espazo particular a través do estado no que se atopa: materiais de construción (o seu estado de conservación, como a pinta, que cores usa), como decora (se coloca ou non cortinas, a cor destas), usos (se colga roupa, se decide amosar elementos decorativos, plantas, adornos, bandeiras deportivas ou políticas?)

Mediante este pequeno burato no edificio, cada individuo decide comunicarse co resto, de tal xeito que a súa visión produce no espectador unha serie de sensacións que nos levan a facernos cunha idea a partir do que se ve, de quen pode vivir aí. A persoa que habita nesa vivenda amosase dende dentro cara a fóra, facéndose visibles as circunstancias que a envolven no seu enfrontamento coa cidade.

A bicicleta, único vehículo individual sustentábel na cidade:

cartaz da exposición

Esta segunda colección ensínanos diferentes bicicletas coa súa propia forma e personalidade, así como distintos elementos urbanos que permiten o seu uso dentro da cidade: aparcadoiros para bicicletas, sinais de tráfico específicas, usos de bicicletas de aluguer municipal, monumentos dedicados, utilización en cidade, carril bici…

Exprésase un medio de transporte que nos permite un grao total de independencia na mobilidade urbana, sendo ademais o único que nos ofrece unha habitabilidade urbana e sustentable, por riba mesmo dos transportes públicos tradicionais.

O paseante, individuo ante os espazos públicos:

A utilización dos espazos públicos (parques, paseos, rúas, prazas, pontes…), como elementos xerados para a cidade e que son usados e gozados por individuos anónimos nos que se expresan emocións e condutas (amorosas, políticas, deportivas, familiares…) amósanse nesta terceira colección. Son tales condutas as que se amosan como os mellores indicadores do éxito ou fracaso deste espazo, indican o seu uso e dinnos que é o individuo, como acode, quen ten a última palabra de como utilizalo á marxe de calquera uniformidade, xa que só el decide sobre o seu goce individual ou en compaña.

,,

Comments

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *