Adeus Don Xaime!

D. Xaime con Xaquín Agulla e Marcelino Agís na presentación dunha das edición das Xornadas Estivais.

Unha chamada de Antón Montero, ainda non repostos da conmoción sofrida pola perda de Leopoldo Nóvoa, ven a dar-nos outro mazazo moral: acaba de falecer Xaime Illa, DON XAIME, con maiúsculas.

O mecenas, o mentor de tantos proxectos realizados ou ideados por un grupo de mozos e mozas de Raxó que sempre atopamos nel a orientación, o estímulo -cando non os medios- para a súa materialización.
De Xaime Illa quedanos como lembranza, pra sempre, o caudal inesgotabel do seu verbo, académico si, pero intelixibel, a sua bonhomía persoal, a súa xenerosidade material e intelectual, a súa sinxeleza.
Histórico galeguista, fervente católico, conservador no ideolóxico, o seu pensamento político nunca foi  inconvinte  para os que non necesariamente compartimos a súa ideoloxía. Sempre aberta estaba  a súa porta, fora en Raxó ou Vigo, eras   ben recibido; por elo a nosa satisfación persoal e colectiva, o noso orgullo por telo tratado e por ter acadado do Concello de Poio para el a denominación de Centro Cultural Xaime Illa Couto  na nosa, por longo tempo proxectada e ahora xa realizada, Casa da Cultura de Raxó. Foi doado grazas a receptividade dos grupos politicos que sustentan ao goberno municipal, máis temos que amosar a nosa decepción de que non fora por unanimidade pois, por mor do grupo  conservador -curiosamente- non foi posíbel pese ás xestións realizadas dende distintos ángulos.

Non nos explicamos esa galegofobia, amosada primeiramente no caso de Xaime Illa, logo no de Leopoldo Nóvoa e agora no de Manuel Colmeiro. Molestalles a luz. Estarán cegos de luz?  En todo caso, non hai peor cego que o que non quere ver. O seu  lamentabel “no tiene méritos suficientes” agocha un enorme e despreciabel prexuizo, por non dicir complexo, fronte a nosa cultura.
Pero tampouco paga a pena desviarnos, estamos aquí para lembrar a Xaime, que ben no-lo merece, a súa conversa, a súa portentosa memoria coa que nos foi debullando as súas vivencias:  a veneración polo seu irmán Ramiro, o seu paso polas Irmandade da Fala na Coruña, as Mocidades Galeguistas, a proclamación da II República…
Especial lembranza tiña da residencia de estudantes en Campolongo, o posterior colexio da ONCE, onde vivira mentras facía os estudos de maxisterio en Pontevedra.

A súa casa pequena de Sinás, residencia de recén casado, bautizada como Illa Nova, posterior denomincación dunha coleción de literatura para autores novos da Editorial Galaxia patrocinada directamente do seu peto, xunto cun sinfin de iniciativas culturais en favor sempre do noso País; pero hoxe, perdón pola licenza, ademáis da súa extraordinaria aportación a este proxecto común que se chama Galiza,  debemos tamén resaltar a súa relación con nós e con Raxó.

 A bon seguro que a Xaime, obviando a ignoráncia e malicia do seu autor, lle gostaría ser lembrado coa definición de  algún pretendido dirixente veciñal que, con intención excluinte e oposto á  denominación do Centro Cultural, dixo que só fora un “catequista” en Raxó. Hoxe,  os distintos medios de comunicación resaltan a vida e  a prolífica obra de Xaime Illa pero, aínda esí, nós só queremos, nada máis pero nada menos, destacar tamén, en homenaxe seu e para aqueles que aínda prefiren vivir nas tebras, esa humana e modesta faceta súa, tal e como el era, de catequista en Raxó… entre outras moitas cousas máis!.

Comments

    • Ola Xaquín,
      este artigo reflexa a imaxe que se ten de Don Xaime dende a perspectiva da Sociedade Cultural, en ningún momento se intenta manipular a opinión pública porén, se o desexa, pode aportar datos que refuten o escrito no artigo, se tal e como afirma, estamos errados.
      Saúde

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.