Urbanismo e calidade de vida. Ante un novo PXOM

 

Fotografía de Oscar París, cedida xentilmente por La Voz de Galicia

O urbanismo e a calidade de vida son conceptos dialecticamente complementarios; sen embargo, debido ao pregamento do poder político aos intereses especulativos, non son de pacífica concertación porque o gran problema é que o urbanismo como negocio, como especulación, perturba a calidade de vida cando prima sobre o interese social.

O novo Pan Xeral de Ordenación Municipal, en avanzado proceso de xestación, só terá utilidade se sirve para correxír as  eivas apreciadas na aplicación do actual, considerabeis e numerosas, que só por mor de espacio, trataremos sucintamente.

Ninguha das moitas espectativas xeradas cara a rectificar o desastre urbanístico orixinado antes do ano 2000  se viron posteriormente colmadas polo Plan aprobado o 6 de outubro dese ano e, á vista está, que os problemas que Raxó plantexaba neste eido son, actualmente, máis graves e, en moitos casos, irreversíbeis.

Por elo convén chamar a atención sobre os aspectos máis acuciantes que deben ser urxentemente revisados, táis como prever un novo e millor aceso á Praia e o  peirao dende a PO 308 que resolva os graves problemas que xenera o actual entronque, situado nunha curva de escasa visibilidade nunha zona de denso tráfico,  e agravados pola ubicación dunha área comercial no lugar e os estacionamentos incontrolados que se producen nos aledaños. Parellamente, contando co concurso do Concello veciño, é imprescindíbel dar dunha vez continuidade á rúa Ramón Encinas hacia Sanxenxo. Pretender a peonalización desta rúa, simultaneamente coa ampliación das terrazas dos establecimentos hosteleiros, sen resolver previamente esta cuestión, vai supor unha constante fonte de conflictos debido á redución dun espacio público de por si xa escaso.

Hai que ter en conta que a desaparición a medio prazo do actual aparcamento cedido temporalmente polo arcebispado de Santiago vai xerar un grave problema futuro que só se poderá compensar coa xeración de espacio público suficiente capaz de absover as prazas de aparcamento necesarias para cubrir a demanda que se produce, sobre todo, en época estival. Nese senso, ademáis das necesarias zonas públicas de esparcimento, poñemos especial énfase na anchura dos viais, outra grave deficiencia do planeamento actual, tal e como acredita o caso da rúa Leopoldo Nóvoa, cuxo sentido está ainda hoxe por definir pese a que a súa actual condición de doble direción é insostible nos meses de verán.

Aínda que o caos urbanístico non é un fenómeno exclusivo de Raxó, senón que é común á toda a franxa costeira galega, polo que a implicación da administración autonómica neste asunto é claro, no noso caso vese, tamén, agravado pola dependencia administrativa a dous concellos e polo trato periférico que recibe de ambos.  A esto hai que engadirlle a ausencia  dunha axil e eficaz disciplina urbanística que xera situacións de agravio comparativo e desamparo ante os excesos cometidos polos especuladores,  obrigando aos veciños afectados a asumír custosos pleitos xudiciais como única vía de restitución da legalidade urbanística. O casos de Promonova e a Piolla son a constatación de que, efectivamente, algo está fallando cando as aberracións acadan tais dimensións físicas.

Fotografía de Oscar París, cedida xentilmente pola Voz de Galicia

Sexa como sexa, non nos resignamos e reclamamos para o futuro un urbanismo sustentabel, própio dunha corporación democrática e progresista merescente de tal calificación e que, ate o de agora, fora por cuestións ideolóxicas (o neoliberalismo parece ser nalgunhas materias unha cuestión transversal), ou fora por cuestións económicas (o financiamento dos concellos inviabeis  non pode vir da concesión indiscriminada de licencias, senón da revisión dun modelo administrativo esgotado que, lonxe de dar resposta aos problemas dos concellos, o que fai é acrecentar os seus desequilibrios) non fumos capaces de acadar.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.