XVI Xornadas Estivais: “Ciencia con acento galego”
![XVI xornadas estivais Ciencia con acento galego](http://raxocultural.org/wp-content/uploads/xornadas-2014-724x1024.jpg)
Este verán en Raxó falarase de ciencia porque en Galicia tamén se fai ciencia e en galego. As tradicionais Xornadas Estivais chegan a súa decimo sexta edición co obxectivo de amosar como a ciencia e a tecnoloxía falan galego e que os galegos temos moito que dicir neste ámbito.
Durante os vindeiros 16, 17 e 18 de setembro pasarán pola palestra no Centro Cultural Xaime Illa persoas de recoñecido prestixio nos seus distintos ámbitos: tecnoloxías da inforamción e a comunicación, investigación e innovación tanto de proceso coma de produto.
Día 16 de setembro
Estas xornadas comezarán o día 16 con Pablo Belay que nos contará a súa experiencia no desenvolvemento da galardoada aplicación para optimizar a pesca de baixura: Xeopesca. Esta aplicación pensada e deseñada dende unha optica galega e en galego ven de iniciar un exitoso percorrido. O mesmo día falaranos Manuela Buján Responsable de I+D da empresa alimentaria PortoMuiños, organización especializada no cultivo, elaboración e comercialización de conservas de produtos do mar tales como algas, cogumelos mariños e outro tipo de elementos similares. Esta persoa falaranos sobre os retos do sector conserveiro nos vindeiros anos así como do reto de por en marcha unha empresa destas características.
![O dominio propio da Galiza que ven de porse en marcha o pasado 25 de xullo](http://raxocultural.org/wp-content/uploads/puntogal.jpg)
Día 17 de Setembro
A segunda sesión correrá a cargo de Marcus Fernández e Víctor López. O primeiro, de sobra coñecido pola súa traxectoria na radio galega e na revista sobre tecnoloxía en galego Código Cero. Como membro da directiva da asociación PuntoGal falaranos sobre a importancia do dominio propio galego recentemente acadado, e o que vai supor para a difusión da cultura e das empresas galegas na rede, permitindo posicionar dun xeito totalmente diferenciado a marca galega. Pola súa banda, Victor López que é presidente de EGANET, Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías, e que ten desenvolvido numerosos proxectos tecnolóxicos a través da súa Empresa AVA Soluciones Técnológicas en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, falaranos sobre a posición e competitividade das empresas galegas TIC, e de cales son os retos e potencialidades cara o futuro neste ámbito.
Día 18 de setembro
Na terceira, e derradeira, xornada Antonio Montero que colaborou na creación do Centro de Investigación do Metal, AIMEN, e chegou a ser director de Operacións de Zeltia nun momento chave para a súa diversificación con Pharma Mar, Pharmagen, etc, falaranos da innovación no sector industrial galego e os seus efectos no desenvolvemento económico do país. Xa para pechar o ciclo de palestras Xosé González máis coñecido por “Pepe de Redondela” como presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüistica falaranos da importancia e impacto da etiquetaxe en galego como potencial para o posicionamento dos produtos galegos no mercado.
As sesión desenvolveranse entre o 16 e o 18 de setembro as 20:30 horas no Centro Cultural Xaime Illa. A asistencia é gratuita e prégase puntualidade.
Como chegar?
- Lugar: Centro Cultural Xaime Illa
-
Enderezo: Rúa Igrexa, s/n 36992 Raxó (Poio) – Pontevedra
- Coordenadas: 42.4066903,-8.7405666
- Ligazón a openstreetmap
- Ligazón a googleMaps
Existen duas zonas de aparcamento gratuito pegadas as instalacións do Centro Cultural.
Leave a comment