“…e din que chove” de Avelaíña Teatro o 28 de febreiro en Raxó

A Sociedade Cultural Deportiva Raxó, dentro do ciclo “Poio Escena” presenta, para o vindeiro sábado, 28 de febreiro, a partires das 20:30 horas,  no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Raxó, a representación da obra  “…e din que chove”.

Nesta xeira “Avelaíña Teatro” bota man das artes escénicas e artella música, canción e danza, poesía e imaxe, relato e interpretación nun espectáculo que tenta ser total.

Aborda a situación do mundo actual con textos de Afonso Becerra, ManueSKMBT_28315022320020l Ayán, Octavio Paz, Pablo Neruda e Vanesa Sotelo. E presenta cadros sintomáticos de patoloxías graves que está a padecer a sociedade dirixida polo credo neo-liberal, co poder financeiro ao temón. Tenta provocar a reflexión lúdica sobre a ansiedade coa que os valores se polarizan na monetarización da vida, as estratexias do furto legal, os contubernios para o pelotazo, a xestión politico-económica como xogo de bazas nos dedos de trileiros, a asimilación de determinados sindicatos, o drama da mocidade, a cidadania paralizada polo temor, que se agacha na tristura e no lamento para non irritar o instinto asasino que circula polas arterias do sistema…

A Perspectiva do cadaleito baleiro, que preside o escenario da vida e agarda paciente o seu momente, saca a luz o absurdo da amargura innecesaria na que  se remexe a efémera existencia.

Os autores escribiron a obra, pero a idea…esta, foi dun compañeiro que xa non está: Manolo Guede. A el vai adicada.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *